_biografia



Lamatumbá, un grupo de amigos etcétera.

En certa ocasión, un dos seus discípulos achegouse a Confucio e, con cara de grande preocupación, preguntoulle:           
- Mestre, cómo se conta o paso do tempo?

Confucio, sorprendido pola pregunta, meditou á sombra dun sabugueiro e, logo dun bo tempo de reflexión, achegouse novamente ao seu pupilo, colocoulle unha man sobre o ombreiro e, cos seus ollos cravados nos do aprendiz, respostoulle:
- Pero en qué lios me metedes, tipo!
lamatumba


Se lle chegan a preguntar cómo se conta historia de Lamatumbá, no canto de inventar a Confusión directamente inventa o a pistola e pégase un tiro.

Porque se escribir a historia de calquera grupo sen caer en todos eses tópicos que enchen as historias de todos eses grupos xa é complicado abondo, falar sobre Lamatumbá, non vos conto… De feito, supoño que o máis honesto había ser escribir, literalmente, algo así: “Lamatumbá naceu como un grupo de amigos que etcéctera”. Así, sen unha palabra máis.

Porque imaxinade: o tempo xa lle chega, desde o ano 1998, cando a Feira das Mentiras de Santiago de Compostela serve de estímulo para comezar a lle dar forma a iso que hoxe é Lamatumbá. E a xente… polas filas lamatumbeiras –filas sempre tortas– pasaron xa máis de trinta individuos, seres, algunha que outra persoa, unhas cantas almas e máis dun desalmado. Pero se esta banda parece os de Viva la Gente! Mirade, para que vos fagades unha idea, só nos últimos dous anos chegaron ao grupo catro novas persoas, outra deixou o barco, e quen sabe o que virá.

Desde aquel 1998, son centos os escenarios pisados, en Galiza, e en España, ou incluso en Europa; milleiros os amigos feitos polo camiño, en forma de grupos, músicos, técnicos, produtores, promotores, managers, compañeiros arrieiros todos no camiño; decenas de milleiros de ánimas entre o público que algunha viñéchedes a vernos; e centos de milleiros de quilómetros de carretera os percorridos para chegar onda vós.

En todo este tempo, xa son tres as ocasións en que o grupo entrou nun estudio de gravación para saír cun disco baixo o brazo de cada vez. No ano 2005 chegou o Lume (para que saia o sol), producido polo amigo Kaki Arkarazo e mais o propio grupo. O ano 2008 viu a saída do Paraugas Universal, feito man a man con Segundo Grandío. E agora, neste 2010, sae para regalía das vosas infatigables orellas A órbita da banda hipnótica, producido pola propia banda e Pedro Feijoo.

Fixemos un pouco de todo, segundo temos escoitado que de nós dixeron: desde a festa máis grande xamais contada, a verbena do século XXI, música de auto-party, o son da Galiza Tropical, ou incluso, querendo ser unha banda de ska quedámonos nun grupo de pachanga. O que hai que oír, gicho… Sexa como for, hoxe, aquel barco que aparecía na portada do Lume mudou, coma o camaleón que o propio grupo é, nunha nave espacial disposta a se poñer en órbita ao ritmo desta hipnose de verbena, de amores, de ruido, de carraxe se fai falla, de festa sempre. A súa tripulación está composta por Adrián Rodríguez Txitxas na batería, Carlos Rivera Puntxa na percusión, Pedro Feijoo Perdidito no baixo, Rafael Ullán Abuelo e Antonio Iglesias Toñito Moucho nas guitarras, Sergio Zearreta Trosma na voz, Ángel Vázquez Gafas ao saxo tenor e clarinete, Iván Varela no saxo alto, e Benjamín Rodríguez na trompeta. E, con todos cantos omos, só estamos dacordo nunha cousa: queremos máis, e queremos que o vexades.

Por certo, que ante a insistencia por parte dos seus seguidores, finalmente Confucio, xa un pouco confuso, respostou:

-¡Non sei como se conta o paso do tempo! ¡O único que sei é que nós sempre estamos igual: sempre vinte minutos para saír dos sitios! Caghiná…

Septembro

  Domingo 05 

Festa do Pan de Neda

Campo da Feira

© 2010 - Todos os dereitos reservados | Acceso privado
diseño y programacion: ACV Galaica