Blog

 Alá foi Neda, alá foi o verán...

Imprimir lamatumba - 07-Septembro-2010 - 07:52:11 




Pois é certo, que o pasado domingo estivemos en Neda, e co seu pan marchou o noso verán.

 

Estivemos en Neda, pechamos as súas fermosas Festas do Pan. Verbena bonita a que alí se montou. Tiña aires de romería, daquelas de antes. Foi unha grande xuntanza popular arredor da “Grande Apoteose do Churrasco”, que lle diría o noso amigo Suso de Toro. Familias en pic-nic compartido baixo a carballeira, “Pásasme unha pouca empanada?” “Pásoche.” “Pásasme un pouco polbo?” “Pásoche.” “Pásasme unha desas necoriñas?” “Mira, rapás…” Chegou a tarde, e con ela dúas cousas máis: A sesta furancha para os máis farturentos, e o grupo Los Zares para todos os demais.

Un concerto excelente o destes veteráns que nos fixo pensar moito. Todo o mundo coñecía aquelas cancións, porque polo seu escenario pasaron os Beatles, Los Salvajes, os Lone Star (para alegría, ademais, do Puntxita), El Dúo Dinámico, ou, para pechar, o glorioso Andrés do Barro. Esa, malia que lle pese a quen lle pese, tamén é parte da nosa música popular. Alguén tería que tomar apuntes deste tipo de cuestións…

E para o solpor, a Grande Orquesta Lamatumbeña acompañada polos Incribles Gichos Cantores do Berbés. Foi curioso comezar o concerto cando o sol comezaba a marchar cara outros mundo que tamén están neste, e rematar a verbena con Gafas dicindo aquilo de “hoxe o sol saíu en Neda” xa no medio da noite. Curioso mundo…

Disfrutámolo, disfrutámolo moito, e foi un bonito final para o remate da parte galega desta xeira de concertos, o Tour da Banda Hipnótica. E, como podedes ver, para dar boa conta do que alí aconteceu, estivo, como ao longo de todo o verán, o noso amigo Pixelín. Dádelle unha aperta ao Pix cando o vexades por aí, correndo cámara en man, porque el é quen nos/vos saca lindos e lindas nas reportaxes dos nosos concertos. Graciñas, Pix!

 

…E alá foi, alá foi o verán. Un estío curioso, este. Logo non ía ser este “o ano de Galicia”, ou non sei qué historia era que pasaba aquí? Ai, señor, cánta grmfxshh… En fin. Permanecede no noso dial, que en pouco habémosvos informar de todas as novidades en canto a actos, datas e outras leas para a temporada de moda outono-inverno lamatumbeira. E, entre tanto, que vos chegue un bico agradecido a todos os que fixestes posible un verán tan fermoso como este que alá vai (un bico como o que lle mandamos a Iria e mais a toda a xente da Bar-Queira, que nos fixo pasar unha fin de semana na gloria. O próximo lacón asado xogámolo á carta máis alta!). Bicos!

 


(1)  Comentarios

barqueira - 15-Septembro-2010 - 18:44:29

Re: Alá foi Neda, alá foi o verán... 

Graciñas a vos, rapaces!! E ese lacón pa cando queirades, xa o temos gañado que cando vides levo a man chea de ases!! Biquiños

Se desexa escribir comentarios pode crear unha conta aquí

Febreiro

© 2010 - Todos os dereitos reservados | Acceso privado
diseño y programacion: ACV Galaica