Noticias
Blog

Hai veces en que case sen te decatar, sen nin sequera saír buscalo, dás de golpe cun bico inesperado, cun sorriso, unha ollada cómplice. Ás veces, sen contar con elo coincides de bruces no dobrar dunha esquina cunha persoa que tropeza contigo para cambiar por completo o teu mundo. Por desgracia, a maioria dos momentos que lle dan sentido a toda unha existencia pasan pola túa vida sen que ti te decates do máis mínimo. Por fortuna, tamén hai veces nas que o mundo deixa unha mensaxe no teu buzón de voz avisando de que está a piques de pasar pola túa porta. E entón, sabendo da importancia dese momento, ti vas preparado á cita.
E se un xesto, un sorriso, esa ollada cómplice pode ser quen de che cambiar a vida, imaxinade cánta forza pode haber présa en seis mil xestos, en seis mil sorrisos, seis mil olladas de complicidade…
Dicimos isto porque eses tipos daí diante somos nós, e esoutros dun pouquiño máis adiante (unha Quintana máis adiante, para sermos exactos) sodes vós. 6000 vós. Levabamos moitas noites, probablemente xa máis de seis mil, a soñar cada un de nós cun momento coma este. Máis de seis mil veces vos terïamos que dar as grazas a cada un de vós por un momento coma o vivido a pasada noite do 24 na Quintana.
Eses tipos daí diante están a lle dicir unha cousa a aqueloutros de máis adiante:
Grazas!
http://www.elcorreogallego.es/opinion/ecg/cronica-lamatumba/idEdicion-2010-07-27/idNoticia-573544/

