pinceladas biográficas de onte e de hoxe…
Hai dez anos, en marzo de 1998, un grupo de amigos xuntaron as súas inquedanzas nunha bodega de Moreiras . Desta xuntanza naceu LAMATUMBÁ. Pronto comezaron a pasearse polos torreiros de Galicia ofrecendo unha mezcla de ritmos de aquí e de alá que non deixaba que os pés quedaran no sitio. O mesmo caía unha cumbia que un reggae, un ska que un pasodoble, e todo misturado cunha premisa fundamental: a festa, a verbena, e o poder denunciar cousas, pero sen perder o sorriso.
Despois de tres anos de levantar pó polas festas, e xa seguidos por un público cada vez máis numeroso, entran a gravar o seu primeiro traballo “Pachangüílanuí” (Xingreira 2001), e comezan a compartir escenario con xente coma Manu Chao, Mau Mau, Barón Rojo, Hechos contra el Decoro, e incluso aparecen na banda sonora de series da TVG coma Terras de Miranda.
Cunha formación xa estable tras varios cambios, comezan a tocar xa fora de Galicia, incluindo entre outros o concerto de Nunca Máis en Madrid, e unha xira coma teloneiros da banda arxentina Bersuit que os leva polas mellores salas de todo o estado.
Despois de esta experiencia, marchan a os estudios Gárate (Bizkaia) para, xunto con Kaki Arkarazo, gravar “Lume (para que saia o sol)” (Falcatruada 2005), que os consolida coma un dos nomes de referencia no panorama musical galego, e fai que xa non sexa raro ver o seu nome nos festivais máis importantes de Galicia, xunto con nomes da casa (Guezos, Ruxe Ruxe, Galegoz, O Jarbanzo Negro, Cempés, Skárnio…) coma de fora ( Betagarri, Rosendo, Asian Dub Fundation, US3, Rinoçerose..) Tamén son o primeiro grupo galego en gravar un videoclip para a nova andaina do programa de TVG “Xabarín Club”.
Moitos concertos máis tarde, a principios de 2007, hai un novo cambio na formación, e se incorporan Sergio (voz), Rafita (guitarra eléctrica), e Nico (trompeta), que se unen a Txitxas (batería), Puntxa (percusión), Pedro (baixo), Tonhito (guitarra), Iván (saxo), Ángel (saxo e clarinete), e seguen a recorrer todo o estado, con cada vez mellor acollida fora das fronteiras galegas participando en festivais tan importantes coma o Senglarock, e compartindo cartel con bandas coma The Toasters, Fermín Muguruza, Sepultura, Sidonie, etc. Para rematar o ano participan na feira de música máis importante de Europa, o Popkomm, en Berlín. Á volta desta viaxe, e coas pilas máis cargadas ca nunca entran nos estudios Casa de Tolos para, da man de Segundo Grandío, dar forma ao seu último e máis ambicioso proxecto: “Paraguas Universal” (PAI-Música 2008), co que levan máis dun ano (coa incorporación de Benja na trompeta en sustitución de Nico) facendo mover os pés e as conciencias a base de rock, ska, funky, merengue, cumbia, e calquera ritmo que consiga encher os espiritus de festa en todos os escenarios aos que os poida levar a súa furgoneta.
Nenos e nenas, mozos e vellos, miñas donas e meus señores, a verbena do século XXI ataca de novo co seu arsenal de ritmos repleto de munición sonora . Agarren parella que soltan á orquesta… TODO O MUNDO A BAILAR!!!.
Paraugas Universal
¿Cantas choivas te empaparon de augas baixo as que nunca quixeras ter camiñado? ¿Cantas treboadas te colleron na rúa cos pés mollados? Lamatumbá ten a solución aos teus problemas…
Xa alá pola segunda metade do século XIX a Xan da Cova, ourensán de pro, non lle gustaba demasiado a choiva e propuso a súa solución: “bastaría con poñer un Paraugas Universal nun curuto do Polo Norte, para que as pingueiras de chuvia nin sequera chiscasen na panza do Ecuador da esfera terraquea…”
Hoxe Lamatumbá, un dos principais expoñentes da música galega que leva polo mundo adiante a verbena do século XXI coa enseña de Festa por única bandeira, volve aos escenarios con esta súa nova proposta discográfica Paraugas Universal (PAI-Música 2008), un refuxio baixo do que bailar as nosa ledicias, disfrutar os nosos amores, cantar, sorrir. E, se fai falla tamén, seguir a berrar contra todo o que nos doa.
Logo de máis de dous anos de xira ininterrumpida desde o lanzamento da súa anterior gravación, Lume (para que saia o sol) e da man nesta ocasión de Segundo Grandío, novo produtor e nembargantes amigo da banda, a formación ourensá escolleu desta vez os estudios de Casa de Tolos para se retirar a lle dar forma ao seu novo traballo discográfico.













