Noticias
comentarios lamatumba - 07-Septembro-2010 - 07:52:11
Alá foi Neda, alá foi o verán...

Pois é certo, que o pasado domingo estivemos en Neda, e co seu pan marchou o noso verán.
Estivemos en Neda, pechamos as súas fermosas Festas do Pan. Verbena bonita a que alí se montou. Tiña aires de romería, daquelas de antes. Foi unha grande xuntanza popular arredor da “Grande Apoteose do Churrasco”, que lle diría o noso amigo Suso de Toro. Familias en pic-nic compartido baixo a carballeira, “Pásasme unha pouca empanada?” “Pásoche.” “Pásasme un pouco polbo?” “Pásoche.” “Pásasme unha desas necoriñas?” “Mira, rapás…” Chegou a tarde, e con ela dúas cousas máis: A sesta furancha para os máis farturentos, e o grupo Los Zares para todos os demais.
Un concerto excelente o destes veteráns que nos fixo pensar moito. Todo o mundo coñecía aquelas cancións, porque polo seu escenario pasaron os Beatles, Los Salvajes, os Lone Star (para alegría, ademais, do Puntxita), El Dúo Dinámico, ou, para pechar, o glorioso Andrés do Barro. Esa, malia que lle pese a quen lle pese, tamén é parte da nosa música popular. Alguén tería que tomar apuntes deste tipo de cuestións…
E para o solpor, a Grande Orquesta Lamatumbeña acompañada polos Incribles Gichos Cantores do Berbés. Foi curioso comezar o concerto cando o sol comezaba a marchar cara outros mundo que tamén están neste, e rematar a verbena con Gafas dicindo aquilo de “hoxe o sol saíu en Neda” xa no medio da noite. Curioso mundo…
Disfrutámolo, disfrutámolo moito, e foi un bonito final para o remate da parte galega desta xeira de concertos, o Tour da Banda Hipnótica. E, como podedes ver, para dar boa conta do que alí aconteceu, estivo, como ao longo de todo o verán, o noso amigo Pixelín. Dádelle unha aperta ao Pix cando o vexades por aí, correndo cámara en man, porque el é quen nos/vos saca lindos e lindas nas reportaxes dos nosos concertos. Graciñas, Pix!
…E alá foi, alá foi o verán. Un estío curioso, este. Logo non ía ser este “o ano de Galicia”, ou non sei qué historia era que pasaba aquí? Ai, señor, cánta grmfxshh… En fin. Permanecede no noso dial, que en pouco habémosvos informar de todas as novidades en canto a actos, datas e outras leas para a temporada de moda outono-inverno lamatumbeira. E, entre tanto, que vos chegue un bico agradecido a todos os que fixestes posible un verán tan fermoso como este que alá vai (un bico como o que lle mandamos a Iria e mais a toda a xente da Bar-Queira, que nos fixo pasar unha fin de semana na gloria. O próximo lacón asado xogámolo á carta máis alta!). Bicos!
comentarios lamatumba - 25-Agosto-2010 - 13:01:12
Ram dam, piden pan!

- Ferroláns, qué sabedes facer!?
Ao que todos en bloque respostaron.
- Barcos, barcos, barcos! AU!!!
Xente lista, a de Ferrol. Pero ao lado teñen aos de Neda, que tampouco lles vai mal. Xa eles tamén facían barcos, que polo século XIV xa os seus asteleiros. gozaban de grande sona Pero aínda lle daban a máis: sabían facer liño, os seus panos eran de exquisita calidade, eran expertos toneleiros, e mesmo coñecían a segreda ubicación da mítica cidade de Libunca, alá polos castros do monte Ancos. Que aínda non vos chega? Pois velái vos vai unha migalla máis: Pan.
Dos fornos de Neda sae desde hai séculos un pan que nada lle ten que envexar ao de Cea. Pan rico, esponxoso. Nós xa tivemos o gustazo de lle botar o dente á espera dalgún que outro churrasco... E logo, un pan tan rico había merecer unha boa festa sonada, non é? Xa van alá máis de vinte anos que Neda celebra con orgullo a súa Festa do Pan. E este ano, para que o pan saia aínda máis saboroso se cabe, o Lume dos fornos ímosllelo levar nós.
Señora, non lle perda miga! O 5 de setembro, Lamatumbá nas Festas do Pan de Neda. Lume!
comentarios lamatumba - 20-Agosto-2010 - 19:33:24
Aqueloutra muiñeira de Chantada

Qué bonita a muiñeira que bailamos onte en Chantada. Como dixo algún desde o escenario, ogallá desde aí enfronte se nos vexa a nós a metade de lindos do que a vós se vos ve desde o escenario. Qué bonito Chantada, qué bonito o presente que nos fixéchedes! Pasámolo moi ben, todos a cantar, rir e bailar no comezo das festas. Que veñan moitas máis, e que o sigamos a pasar cando menos así de ben!
p.s.- Santa cona, santo carallo, non sei como se comerá na casa de dios, pero nós en Chantada puxémonos até as cachas. Rica a empanada de zamburiñas, rica a cecina, e mais as croquetas de perdiz, e o polbo, e churrasco coma para unha boda! Señora, en Chantada cómese a destallo! (Iso si, a ver quen salta despois...)
comentarios lamatumba - 18-Agosto-2010 - 20:06:04
Señora, este xoves Lamatumbá rozando nos toxos de Chantada!

roxós de porco pra merendar.
Botar as vacas, sachar o millo,
e quedar sen forzas pra fornicar!
Mañá xoves, a partires das once e media, Lamatumbá nas festas de Chantada.
E non se esqueza ninguén: traede protesión solar, porque vos imos queimar!
comentarios lamatumba - 15-Agosto-2010 - 19:13:52
“Señora, o rocanrol non é pecado. Bueno, igual si, pero aínda menos mal…”
Xa alá foi…Onte tocamos en Trabada. Entre os dous pases da orquesta Pas… Qué curioso como dividen estas cousas aos pobos. A un lado os de Vila Orquesta e a outro os de Vila Rock. Tiñades que velo, medio pobo saltando con nós, e outro medio a mirar para o invento a pensar “esta juventú…”. E claro, Zearreta explicando o choio: “Señora, non baila? Veña muller, que o noso é igual, pero cun pouquiño de rocanrol. Pero iso non e pecado. Mmm, bueno, igual si, pero aínda menos mal!”.
Pero non, o certo é que non é igual. Porque logo, cando a orquesta Pas… voltou ao seu escenario para rematar a faena, nun dos momentos álxidos da verbena de repente toda a orquesta parou de golpe. Todos ao mesmo tempo, na mesma semifusa asincopada. Curioso. Foi moi estrano… Cómo volo poderiamos dicir? O mesmiño o mesmiño como se se lles parase o disco. Non pasa nada, o cantante da orquesta, que era o que manexaba o playback (ops, isto o dixen ou só o pensei?) aínda nos ofreceu unha explicación: “isto xa se sabe, son as cousas que lle pasan a un cando se enchufa nun escenario”. Xa, “enchufado”, picarón… E o Toñito a berrarlles desde abaixo “son as cousas do directo!” Ten razón, señora: non, o noso non é o mesmo.
E qué pasa con Manolo T…? Hoxe almorzamos en Vegadeo lendo no xornal que o famoso cantante deu onte un concerto en Cee “en estado lamentable” (“La voz de Galicia” dixit). E nós a lle dar coma memos… Para qué carallo vas facer un concerto de dúas horas, tentando que todo vaia no seu sitio, que soe ben, que as cousas funcionen…? Pero home, se o truco estaba en subir ao escenario mamado coma unha prea para voltar baixar tan só coarenta e cinco minutos máis tarde coa carteira un pouco máis chea, pois xa nolo podían ter avisado antes, non?
Menos mal que para o mesmo exemplar de “La voz…” aínda é titular que alguén diga “Para mí es un orgullo poder cantar en mi idioma natal”. E iso que a rapaza é do Incio! Desde logo, aquí non se divirte o que non quere.
Tanto ten. Veña pra diante, que el ritmo no pare, mecagüen…
Septembro
Domingo 05
Festa do Pan de Neda
Campo da Feira
